m a t e r i a i s d i d á c t i c o s
M a t e r i a i s d i d á c t i c o s
Dadas as características da educación de adultos, o alumnado poderá utilizar como referente curricular os materiais que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten elaborados para esta modalidade educativa. Estes materiais poderán consultarse na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/959
á m b i t o s d i d á c t i c o s
educación secundaria de adultos - módulos 3 e 4 - 2 cuadrimestres - 20 horas semanais
As unidades didácticas incluídas aquí adáptanse ao novo currículo para a educación secundaria para persoas adultas, Orde de 24 de xuño de 2008, DOG do 23 de xullo.
Progresivamente, e conforme estean preparadas, irán situándose neste apartado da páxina web da Consellería de Educación para que o profesorado poida utilizalas co alumnado se o estima oportuno.
Para utilizar adecuadamente estas unidades é preciso lembrar:
- O currículo da educación secundaria para persoas adultas organízase en tres ámbitos de coñecemento: ámbito de comunicación, ámbito científicotecnolóxico e ámbito social. A mencionada orde desenvolve o establecido con carácter xeral para todo o Estado na adicional primeira do Real Decreto 1631/2006, de 29 de decembro polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á educación secundaria obrigatoria.
- Os ámbitos de coñecementos inclúen os aspectos básicos dos contidos das diferentes materias da educación secundaria obrigatoria e, para as persoas adultas, reciben un tratamento integrador e interdisciplinar. De acordo coa orde citada, as unidades didácticas están concibidas para que as de cada ámbito sexan impartidas por un so profesor ou profesora.
- Cada un dos ámbitos de coñecemento desenvólvese en catro módulos de carácter cuadrimestral, e cada un dos módulos en dous bloques de contido.
- A duración estimada para cada unha das unidades didácticas vén indicada nos cadros seguintes. Nos ámbitos de comunicación e social, cada unidade está pensada para desenvolverse nun mes de clases. Polo tanto, cada módulo cuadrimestral supón catro unidades didácticas. No ámbito científicotecnolóxico, cada unidade desenvolverase nunha quincena. Polo tanto, haberá oito unidades didácticas en cada un dos módulos cuadrimestrais.
- No ámbito lingüístico preséntanse unidades que inclúen os contidos de lingua galega e castelá e unidades que inclúen os contidos de lingua estranxeira, inglés.
- As unidades dedicadas ás linguas galega e castelá realizan un tratamento integrado de ambas, que se concreta na alternancia dos contidos correspondentes a cada lingua. En cada unidade intégranse aspectos correspondentes a estes apartados: comunicación oral, comunicación escrita, coñecemento da lingua, lingua e sociedade e educación literaria. E en cada unidade, de maneira sucesiva, estes apartados son abordados preferentemente nunha das linguas. Por exemplo, se na unidade 1 os aspectos de comunicación escrita son abordados preferentemente en castelán, ese mesmo apartado abórdase en lingua galega na unidade 2. No desenvolvemento concreto da secuencia de actividades, suxírese que as sesións lectivas -as clases- se impartan alternativamente en galego e castelán. Así, nunha semana, a primeira clase impartirase en castelán, a segunda en galego, a terceira en castelán, etc. Estes aspectos veñen concretados nos apartados iniciais de cada unha das unidades incluídas aquí.
- Este material ten un carácter provisorio e experimental, cuxa adecuación e utilidade deben ser contrastadas na práctica. Nese sentido, son imprescindibles as achegas do profesorado que as poida utilizar. Calquera comentario que o profesorado poida realizar, pode dirixirse ao correo electrónico dos asesores do Servizo de Educación de Adultos:
- Ámbito científico-tecnolóxico: jose.luis.bernardez.jorge@xunta.es
- Ámbitos de comunicación e social: antonio.leon.molina@xunta.es
- A estrutura do currículo queda resumida nos cadros que aparecen nos enlaces dos ámbitos respectivos.